top of page

 

Quen Somos

 

 

Somos unha agrupación de cidadáns indignad@s coa situación política actual e que non nos viamos reflectid@s en ningún dos partidos políticos presentes en Redondela. Non queriamos ser outro partido político máis, e a nosa pretensión foi a de ser a voz dos veciños e veciñas no Concello: TRANSPARENCIA E PARTICIPACIÓN. Cun programa electoral sinxelo pero claro e asumible, decidimos presentarnos como unha Agrupación de Electores, sendo necesario recoller 500 sinaturas que nos avalaran. E despois dunha humilde campaña electoral na que non chegamos a gastar nin 1.000 €, nas eleccións de maio do 2011 recollemos parte da indignación cidadá e acadamos 832 votos e un concelleiro.

 

22-M-2011. UNHA DATA PARA RECORDAR. Unha data. A simple vista soamente semella unha data máis. Pero non é así, ás veces as cousas non son o que parecen. O 22-M foi un día que recordaremos durante moito tempo (e algún máis que outros...) nas nosas cabezas. Foi o día en que 832 persoas dixeron que están fartas, que non queren seguir vivindo así. Foi o día en que 832 persoas decidiron, exercendo o seu voto en Redondela, transmitir, comunicar e GRITAR ben alto, que non están dispostas a seguir cos brazos cruzados. Que están dispostas a LOITAR, que queren cambiar as cousas. Que non queren seguir participando deste panorama político actual que temos no concello. E o máis importante; que confiaron na Agrupación de Electores de Redondela para que esta sexa a súa voz dentro do Concello. Que confiaron en nós para que poidamos representalos e loitar para poder cambiar as cousas. Así que queremos dar as grazas a toda esta xente que depositou a súa confianza en nós mediante o seu voto. Dicirlles que imos loitar, que imos actuar. Que somos moitísima xente que non estamos contentos, que estamos indignados e que agora imos actuar.

Paso a paso, chanzo a chanzo e gota a gota.

 

Tamén somos conscientes de que a máis de un non lle fixo moita graza esta "sorpresa" electoral. Pero queremos transmitir a toda a xente que imos traballar duro, que imos estar unidos e que non temos medo. Que queremos cambiar as cousas. Que imos ser esixentes con todo o que está o noso arredor, comezando por nós mesmos.Temos a ilusión de saber que temos a unha persoa dentro do Concello representando aos valores éticos e morais da Agrupación. Queremos transparencia, queremos ter palabra, queremos que se nos escoite, cremos en que hai máis formas de escoitar o malestar da cidadanía. Agora sabemos que é un camiño moi longo o que nos queda por diante. Que aínda non comezou nada. Que neste panorama político intentarán que caiamos ao chan. Sabemos que haberá máis dunha pedra no camiño, e algunha patada tamén. Pero unha cousa está máis que clara. Poderemos meter a pata, pero nunca a man. Que se tropezamos ou caemos levantarémonos para seguir loitando polas nosas ideas e os nosos dereitos. Que temos unha virtude que ás veces o traxe non deixa recordala. Somos xente humilde, xoven de espírito e con ganas de cambiar as cousas ou polo menos de intentalo. Poderán criticarnos polos motivos que a xente queira. Pero unha cousa esta clara. Temos ganas de cambiar as cousas, temos a responsabilidade de querer que se vos escoite, de que aínda que non nos fagan caso gritaremos por vós, día si e día tamén.

 

Grazas outra vez a toda a xente que mediante o seu voto confiou en AER e dicirvos a todos que loitaremos, traballaremos e intentaremos o que todos queremos. Que se nos escoite dentro e non fóra para que miren cara outro lado. Para ter palabra. Para ter a palabra da ASEMBLEA. O proxecto está en marcha e ninguén poderá paralo, porque todos queremos cambiar algo, porque loitaremos xuntos e porque o 22 de Maio de 2011 case mil persoas en Redondela estouparon co seu voto e dixeron que é o momento. Que soamente temos que crer en nós, que as cousas pódense cambiar, aínda que moita xente necesita ver para poder crer. Hai que estar concienciados, pensar que xuntos somos máis e máis fortes.

 

 

GRAZAS A TODOS OS QUE EXPRESARON O SEU MALESTAR O 22 DE MAIO A TRAVÉS DE NÓS.

 

 

AUPA E FORZA AER!

 

 

A Agrupación

A Agrupación

Información

AER no Concello

Contacto

Rúa Alfonso XII nº 2 · Baixo

            Tlfo: 647 126 712

  • Facebook Classic
instagram logo.png
Twitter_icon..png
bottom of page