I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

AER critica o retraso das axudas ás Entidades Culturais e unhas Bases de Subvencións a Festivais imposibles de cumprir

A Agrupación de Electores de Redondela quere denunciar o maltrato sufrido este ano por diferentes entidades, asociacións e centros socioculturais do concello de Redondela no que respecta ao apoio da administración local ás actividades que desenvolven ao longo do ano. Estas entidades veñen realizando diversas actividades socioculturais, a maioría delas suplindo a escasa programación que o goberno local de Redondela realiza nas parroquias periféricas.

 

Este ano 2016 constátase definitivamente como o ano en que a administración local literalmente deixou a estas entidades sumidas na incerteza ao non saber ata practicamente o mes de decembro se ían ou non recibir algún tipo de apoio ou axuda en forma de subvención para poder sufragar e manter as actividades que programan ao longo do ano. As habituais axudas de participación cidadá, as axudas para festas, as axudas para festivais e as axudas para actividades culturais retrasáronse ata o mes de novembro na súa convocatoria e a súa resolución non chegou ata avanzado o mes de decembro. Esta situación fai case imposible ás entidades e programadores socioculturais sen ánimo de lucro planificar axeitadamente e cun mínimo de respaldo as súas actividades; e o que é peor, manter programacións e eventos a costa de comprometer a sustentabilidade económica da propia asociación e mesmo chegando a adquirir débedas para poder cubrir as contratacións e gastos das actividades habituais.

 

Do mesmo xeito, as contías concedidas para actividades culturais, festas e festivais descenderon a pesar de que as partidas consignadas para as axudas deste ano eran maiores que as do ano 2015. De 27.926,80€ concedidos no ano 2015 pasouse a 22.489,62€ concedidos no presente ano, un descenso que se entende pola deixadez á hora de convocar as axudas deste ano, polas modificacións das bases e total descoñecemento dos criterios, e pola incerteza das entidades ao non saber que liñas se ían a convocar e a que liñas de axuda específica tiñan que presentar os seus proxectos.

 

Retroceso no apoio aos festivais de Redondela

 

Mención especial cabe facer dos diversos festivais que se realizan en Redondela. Por todos é ben coñecido o importante esforzo das diversas entidades que están detrás do numeroso elenco de festivais sen ánimo de lucro, polo que é ben coñecido o concello de Redondela en toda Galicia. A maioría deste festivais, os que non teñen convenio propio coa administración local, teñen que recorrer ás subvencións que convocaba a Concellería de Cultura para poder contar cunha escasa axuda anual para poder sufragar unha pequena parte do evento, sempre gratuíto e de acceso libre, que programan para dar a coñecer, dende as diferentes parroquias principalmente,  alternativas culturais, musicais e das artes escénicas que non soen encadrarse na programación oficial do Concello. Ou sexa, os programadores de festivais sen ánimo de lucro fan un labor loable de cara a cubrir un nicho cultural ao que a administración non chega.

 

Os organizadores atopáronse este ano en que a habitual liña de axudas para actividades culturais, na que ata agora entraban os festivais e que no ano 2015 contou con 40.000€ de orzamento para todo tipo de actividades e das que se concederan axudas por un importe de 27.926,80€, no presente ano 2016 esta axuda dividiuse en tres liñas:

 

  1. Actividades culturais a centros e asociacións, cun orzamento de 20.000€. Concedéronse axudas por un importe total de 11.189,62€, o que ven sendo un 56% da partida consignada.

  2. Festas populares, tradicionais e gastronómicas, cun orzamento de 15.000€. Concedéronse axudas por un importe total de 9.450€, o que ven sendo un 63% da partida consignada.

  3. Festivais non profesionais de música e artes escénicas, cun orzamento de 15.000€. Concedéronse axudas por un importe total de 1.850€, o que ven sendo un 12% da partida consignada.

 

O retraso na súa convocatoria e nula explicación de que se abrirían tres liñas levou a que as entidades descoñecesen por completo a que liña de axudas optar, as datas de cada convocatoria e os criterios que deberían cumprir a priori para optar ás axudas. Así pois aconteceu que ante esta incerteza moitas entidades optaron por solicitar ás diferentes convocatorias por total descoñecemento de a que presentarse e de se finalmente se ía publicar unha liña específica para determinado tipo de eventos ou non.

 

A esta situación cabe engadir o legado que o anterior Concelleiro de Cultura do Partido Popular deixou aos organizadores de festivais non profesionais de Redondela. Unhas bases de axudas practicamente imposibles de cumprir e de acadar as puntuacións mínimas, cuns criterios propios de “festivais profesionais” en vez de festivais organizados por entidades sen ánimo de lucro non profesionais, como corresponde á práctica totalidade dos que existen en Redondela. Unha bases de axudas non consultadas con ningunha entidade cultural de Redondela. Ou sexa, unhas bases para festivais realizadas de xeito unilateral “a imaxe e semellanza dos seus creadores”. A modo de exemplo, algúns dos conceptos polo que se outorgaban puntos na concorrencia competitiva foron:

 

  • “Máxima puntuación para festivais de máis de 1.000 espectadores, acreditando a asistencia con informes policiais, follas de control entregadas á SGAE, informe de venda de entradas.” Ou sexa, puntuación acorde a festivais profesionais e con ánimo de lucro, resultando ademais que era totalmente descoñecido no momento da realización do festival que a organización tivera que ter solicitado informe á Policía Local dos asistentes ao evento.

 

  • “Ter realizado publicidade en medios de comunicación, acreditando cos anuncios feitos ou coa oportuna factura.” Ou sexa, ben é sabido das dificultades económicas destes festivais como para que agora se valore que ademais teñan que gastar en custosa publicidade de pago nos medios para obter puntuación para a liña de subvencións. O Concello de Redondela apoiando aos medios de comunicación privados en vez dos festivais.

 

  • Difusión a través de redes sociais e páxinas webs especializadas. Ou sexa, meses despois do evento, a organización ten que recompilar esa difusión e como daquela non se tiña coñecemento destes baremos, a maioría desta información xa resulta totalmente inaccesible na internet xa que os contidos desas webs actualízanse periodicamente.

 

  • Contar con plan de mobilidade de persoas e vehículos, plan de evacuación e emerxencias, proxecto técnico de montaxe de estruturas non permanente e aparellos. Ou sexa, o Concello de Redondela pretende que coa axuda que se lle conceda aos festivais se financien a empresas que se dediquen a xestionar festivais e a elaborar todo este tipo de memorias e informes extraordinarios, custosos e alleos ao que é un festival non profesional sen ánimo de lucro.

 

Tal como se pode comprobar na resolución desta liña de axudas para festivais, dun total de once proxectos presentados só acadaron a puntuación mínima 2 festivais e a outros dous denegóuselle a axuda ao ter solicitado previamente e vendo que non saían outro tipo de a axudas, pola liña de festas. Compróbase pois a intencionalidade na modificación das bases destas axudas de cara a reducir as aportacións a estes eventos por parte do Concello, deixando aos promotores totalmente abandonados. Neste ano 2016 lográrono, ata tal punto que diversos festivais quedaron definitivamente sen axuda algunha por parte do Concello de Redondela, festivais que dan nome a Redondela no eido cultural dende hai anos.

 

Dende AER consideramos que ao Concello de Redondela e a Concellería de Cultura lles resultan molestos os festivais sen ánimo de lucro organizados por ducias de veciños e veciñas que dedican o seu tempo de ocio a ofertar produtos culturais que a administración local non é quen de ofertar, sobre todo no ámbito das esquecidas parroquias de Redondela. De aí dedúcese que elaboraran unhas bases de axudas para festivais moi difíciles de  cumprir, para deste xeito reducir de facto entre un 75% e 100% a axuda habitual que moitas destas entidades sen ánimo de lucro viñan recibindo en edicións anteriores. Se isto o fixeran coas festas da Coca, do Choco ou o vangloriado e pouco transparente Entroido de Verán, moitos levaríanse ás mans á cabeza.

 

Así pois, AER esixe que as axudas se convoquen nos primeiros meses de ano para que os programadores poidan coñecer os recursos cos que van contar. Tamén que a Concellería de Cultura refaga inmediatamente as bases para festivais e se sente e conte coas entidades organizadoras deste tipo de eventos para poder informarse de primeira man das necesidades reais e o esforzo que lle supón a estes veciños programar eses festivais que tamén dan nome e fan dun referente ao noso concello.

 

Por último esiximos que dunha vez o goberno local do Partido Popular mude esa actitude de enfrontamento permanente no eido cultural e de camiñar na contra de ducias de entidades culturais, que estas si que traballan día a día en prol dunha verdadeira Redondela con maiúsculas.

 

 

Ver comunicado en pdf

 

 

Please reload

A Agrupación

A Agrupación

Información

AER no Concello

Contacto

Rúa Alfonso XII nº 2 · Baixo

            Tlfo: 647 126 712

  • Facebook Classic
instagram logo.png
Twitter_icon..png

www.aeredondela.com

facebook.com/AERedondela

twitter.com/AER_Redondela

info@aeredondela.com

647 12 67 12