I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Javier Bas antepón os intereses do PP aos intereses de Redondela na ÁREA METROPOLITANA DE VIGO (AMV)

Hoxe día 29/12/2016 o alcalde de Redondela, Javier Bas, non acudiu á xunta de goberno da Área Metropolitana de Vigo. O alcalde decidiu de xeito unilateral deixar á veciñanza do noso concello sen representación na primeira xuntanza da xunta de goberno da área metropolitana, demostrando unha vez máis que os seus intereses son os do PP e non os da veciñanza á que representa.

 

Asemade, incumpre o acordo plenario do  pleno extraordinario do 12 xaneiro de 2016, que o seu propio grupo votou a favor; deixando ben claro, para quen non o tiña xa, que a súa palabra e o mandato do pleno pouco vale ante as ordes do seu partido.

 

Punto 3º de dito acordo (acta Nº 1/2016):

"O alcalde, representante do Concello de Redondela na xunta de goberno da Área Metropolitana, defenderá os acordos que se adopten ao respecto de cada tema por parte do Pleno do Concello de Redondela. Asemade, convocarase e informarase á xunta de voceiros, coa maior antelación posible, da orde do día da xunta de goberno da Área Metropolitana coa fin de consensuar unha posición conxunta do noso concello."

 

Na xunta de voceiros onde o alcalde transmitiu a súa intención de non acudir a esta xunta de goberno da AMV, todos os grupos políticos de Redondela mostraron a súa oposición a esta decisión. O alcalde, facendo gala do seu carácter "democrático", unha vez máis, incumpre co acordado no noso pleno e non acode á xunta de goberno da AMV.

                        Foto: Marzo 2015

 

Un pequeno resumo da loita de egos do PPSOE na AMV:

 

Dende o pasado 1 de decembro no que se “constituíu” a asemblea da AMV, vimos asistindo a un continuo despropósito nas actuacións do alcalde Vigo e do Partido Popular (PP). Por unha parte, a soberbia dun individuo como Abel Caballero que ningunea a calquera que non baile ao seu son; e por outra parte, un partido como o PP que só aceptou modificar a Lei da Área Metropolitana despois dos resultados electorais das municipais do ano 2015.

 

Nos últimos días vimos asistindo ás acusacións cruzadas sobre quen ten a culpa da “situación” da AMV. Dende o PP acusan a Caballero de non integrar o transporte urbano de Vigo no transporte metropolitano, e non o recoñecen como presidente da Área Metropolitana; xa que segundo o PP, no momento da votación, o pleno xa estaba suspendido pois así o decretara o presidente da mesa de idade, o alcalde de Salvaterra (do PP). Dende Vigo (e dicimos Vigo e non Caballero porque Vigo naceu con este alcalde, ou alomenos iso vende), acúsase ao PP de boicotear a Área Metropolitana e pídenlle que vaia ao contencioso administrativo para resolver o tema do transporte.

 

Pola nosa parte, como actores secundarios deste circo, asistimos asombrados a tal cúmulo de despropósitos. Por unha parte temos:

 

  • Un alcalde de Vigo que retirou, hai dous anos, a tarxeta verde de transporte aos non empadroados en Vigo, pois “Vigo debía gastar os seus orzamentos nos seus veciños”.

  • Uns veciños de Vigo que poden gozar do transporte metropolitano a conta dos Concellos adheridos ao transporte metropolitano, pois para solicitar a tarxeta de dito transporte non se solicita empadroamento.

  • Un concello, o de Vigo, que non terá que aboar nada “deste” transporte metropolitano pois os descontos corren a cargo dos Concellos de orixe ou destino, excepto Vigo(*).

  • Un alcalde de Vigo, chamado a liderar esta Área Metropolitana, que di que “Vigo no le va a pagar el bus urbano (Vitrasa) a los que vienen a pasear”.

  • Un Concello de Vigo que conseguiu, coas modificacións da Lei da Área Metropolitana, ter a tixola polo mango no caso das votacións, conseguiu que se modificaran as vicepresidencias e que o partido que ostente a presidencia tamén poida ter unha vicepresidencia; e conseguiu que a lei recolla que a Vigo se lle dote coma unha capital de provincia.

 

Pola outra parte, temos ao Partido Popular (PP) que,

 

  • Tentou inicialmente meter con calzador a Lei da Área Metropolitana sen consultar cos concellos.

  • Só atendeu a certas modificacións que nós entendemos benefician claramente á capitalidade de Vigo.

  • Xogou, porque lle conviña politicamente, ao enfrontamento co Alcalde de Vigo.

  • Conseguiu que os concellos adheridos ao transporte metropolitano aceptaran un convenio polo que terán que sufragar un servizo sobre o que non tiñan competencias.

 

Basicamente, as dúas partes xogaron as súas bazas políticas: dende Vigo á acumulación de poder e dende a Xunta a conseguir que os concellos sufraguen competencias que lle pertencen ao goberno galego; e os dous gañaron.

 

Chegados a este punto o relato xa perde toda posibilidade de razoamento coherente:

 

  • Vigo firma un convenio de transporte coa Xunta de Galicia  “...que non suporá custe adicional algún nin á Xunta nin ao resto de concellos adheridos ao transporte metropolitano”.

  • Vigo non integra de “forma material” pero “si efectiva” (verbas do consello consultivo) o transporte urbano de Vigo no transporte metropolitano.

  • O secretario do pleno da Asemblea Metropolitana propicia o maior dos esperpentos cando no Pleno de Constitución da mesma, nomea presidente da mesa de idade a Abel Caballero cando o político con maior idade presente na sala era Arturo Grandal, alcalde de Salvaterra do PP.

  • Abel Caballero non abre a boca en todo o pleno ata que o PP abandona o mesmo e a el o “nomean” presidente da mesa de idade.

  • Arturo Grandal permite que o pleno se converta nun circo, cousa totalmente desexada polo PP, e finalmente suspende o pleno converténdose probablemente no primeiro presidente dunha mesa de idade que suspende un pleno.

  • O Secretario do pleno, Secretario tamén do pleno do Concello de Vigo (nomeado directamente por Abel Caballero) decide continuar co pleno e volve formar a mesa de idade, que termina presidindo Abel Caballero tras recibir os votos a favor de todos os presentes, excepto do concelleiro de AER. Ante semellante vileza, Carlos López Font dicía desta Agrupación que “todavía queda aquí quien defiende las ideas del PP”, e un dos que aplaudía a alocución era Santos Héctor, concelleiro imputado polo suposto enchufe da cuñada de Carmela Silva.

  • O PP ameaza un día si e outro non, con levar ao contencioso administrativo a negativa do Concello de Vigo de incluír o transporte urbano no metropolitano.

  • O alcalde de Vigo ofrece ao alcalde de Redondela un convenio para que os veciños de Chapela poidan acceder ao transporte urbano de Vigo (dous anos despois de retirarlle a tarxeta verde e ofrecendo  bonificacións que terá que aplicar cando decida integrarse no transporte metropolitano).

  • Ao mesmo tempo Abel Caballero vai suxerindo que agora que as competencias do transporte metropolitano son cousa da AMV, haberá que “ir vendo as posibles modificacións”.

 

Todo isto tenta ser un resumo do que foron estes últimos anos de “Área Metropolitana”.

 

Pola nosa parte, dende AER votamos en contra do convenio de transporte no Pleno de Redondela en xaneiro 2015, xa que Redondela tiña que asumir custes que non lle correspondían. Fixemos as nosas aportacións á modificación da Lei da AMV e cando se levou a pleno, votamos en contra pois as modificacións finais dábanlle todo o poder a Vigo. Nese pleno a voceira do PP dixo que “non pensabamos en Redondela”,  que “Redondela non se convertería nun barrio de Vigo”. Nese mesmo pleno acordouse que o alcalde de Redondela defendería na Xunta de Goberno da Área Metropolitana, as decisións tomadas polo pleno do Concello de Redondela ao respecto dos temas a tratar.

 

Isto foi hai apenas un ano! Neste tempo Javier Bas e Mari Carmen Amoedo abandonaron o pleno de constitución da Asemblea Metropolitana de Vigo e o alcalde de Redondela non asistiu á Xunta de Goberno deste ente que hoxe se celebrou en Vigo. Javier Bas ten formas moi distintas de entender a política segundo estea gobernando ou na oposición, similares probablemente ás que ten Abel Caballero:

 

  • Gobernando:

    • Non lle gustan as interrupcións.

    • Non dubida en suspender o pleno se así o considera.

    • A pesar de ter unha voceira no pleno non dubida en intervir no debate.

  • Na oposición:

    • En pouco mais dun ano na Deputación, xa abandonou alomenos un pleno.

    • Xa luciu pancartas en pleno.

    • Xa dixo que as formas no pleno da Deputación son caciquís.

    • Abandonou o pleno de constitución da Asemblea Metropolitana.

    • Non asistiu á Xunta de Goberno deste ente, da que só forman parte os alcaldes.

 

Ao igual que o alcalde de Vigo, renegan do partido cando lles convén; neste caso Javier Bas perdeu unha boa oportunidade de ir á Xunta de Goberno da Área Metropolitana a deixar constancia dos intereses do noso concello. É difícil ter que tragar co que a un non lle gusta, pero iso apréndese estando na oposición ou aceptando acordos plenarios aínda que non che gusten. Por contra, Javier Bas foi sempre máis ben “absolutista” como o noso veciño “O pequeno Napoleón”.

 

A pesar de que dende un inicio dende AER sempre nos queixamos do poder que se lle estaba cedendo a Vigo, fose quen fose o alcalde, Javier Bas sempre avogou polas bondades do transporte metropolitano... Hoxe, á saída da xunta de goberno, Abel Caballero declaraba a súa intención de facer "un plan de transporte metropolitano propio" xestionado desde a Área Metropolitana. Dando por feito que se fará co modelo que plantexa Vigo outorgando aos usuarios un transbordo gratuíto de entrada ao municipio e outro de saída, en lugar de facer ilimitados viaxes como reclama a Xunta de Galicia.

 

 

(*)O convenio de colaboración do transporte metropolitano de Vigo di, con respecto aos criterios de imputación das viaxes:

  • Mantemento de criterio de orixe sempre que o inicio da viaxe non sexa dende un concello obrigado á prestación dun servizo urbano (Redondela-Vigo, paga Redondela).

  • Aplicación do criterio de destino sempre que o inicio da viaxe teña lugar dende un concello obrigado á prestación dun servizo urbano  (Vigo-Redondela, paga Redondela).

 

 

Ver comunicado AMV en pdf

Please reload

A Agrupación

A Agrupación

Información

AER no Concello

Contacto

Rúa Alfonso XII nº 2 · Baixo

            Tlfo: 647 126 712

  • Facebook Classic
instagram logo.png
Twitter_icon..png

www.aeredondela.com

facebook.com/AERedondela

twitter.com/AER_Redondela

info@aeredondela.com

647 12 67 12