I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

AER DENUNCIA QUE O CONVENIO DA RESIDENCIA DE MAIORES DE CESANTES PROPOSTO POLO GOBERNO DE JAVIER BAS É PREXUDICIAL PARA OS INTERESES DE REDONDELA

A Secretaría e a Intervención do Concello sinalan que “non sería equitativo que só o Concello onde radica o Centro de Día teña que sufragar parte do seu mantemento”.

 

O Convenio proposto polo Consorcio e asumido polo Alcalde (de xeito opaco, sen informar aos grupos da oposición) obrigaría ao Concello a pagar 1.500 €/mes por cada praza de titularidade municipal en Redondela.

 

Das 21 prazas que conta o Centro para residentes maiores, 10 estarían reservadas para veciños de Redondela, polas que o Concello tería que pagar. Paradoxicamente, os residentes doutros concellos serían integramente subvencionados pola Xunta.

 

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) está en contra do convenio que o goberno local propuña asinar co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente  da Xunta de Galicia, para o cofinanciamento da Residencia de Maiores de Cesantes. A Xunta, unha vez máis quere obrigar ao Concello de Redondela a sufragar o que son competencias municipais impropias. A atención das necesidades dos maiores é unha competencia autonómica e o 100% do custe debe ser asumido pola Xunta, e non comprometer gran parte dos escasos recursos que o Concello ten para Servizos Sociais.

 

Demoledor informe conxunto de Secretaría e Intervención Municipal.

 

O 31 de outubro de 2016 dende Secretaría e Intervención do Concello de Redondela emitiuse un informe (que a día de hoxe segue vixente) en relación a este convenio que non deixa moito lugar á interpretación. No punto 6 deste documento, os máximos responsables xurídicos do Concello apuntan que “...sería preciso que se implicaran nos custes da súa xestión outras administracións que ostenten dito carácter supramunicipal. Tampouco nada se recolle en respecto a se os Concellos limítrofes tamén participarán na sufragación do mantemento do Centro. De non ser así, non sería equitativo que só o Concello onde radica o Centro de Día teña que sufragar parte do seu mantemento.” Ou sexa, corresponderíalle á Xunta de Galicia, ou mesmo á Deputación provincial, asumir estes custes.

 

Co convenio que Javier Bas pretendía aprobar obrigaríase ao Concello de Redondela a pagar 49,58€ por cada día e residente empadroado en Redondela, o que serían 1.500 euros por usuario ao mes, e 18.000 euros por persoa ao ano (180.000 € ao ano das arcas municipais para os 10 posibles usuarios). Das 21 prazas para residentes coas que conta o Centro, só 10 estarían reservadas para empadroados en Redondela. Quere dicir que como mínimo 11 poderían ser doutros municipios sen que os seus Concellos aportasen nin un só euro, sendo sufragados eses gastos pola propia xunta de Galicia. Javier Bas neste punto parece que defende máis os intereses da Xunta do Partido Popular que os intereses do Concello de Redondela.

 

 

A Xunta sempre gaña.

 

Unha das cláusulas máis sensibles da proposta de convenio levada a pleno polo goberno local consiste en que o Concello de Redondela estaría obrigado si ou si a pagar polas 10 prazas reservadas, estean ocupadas ou non. Así, no caso de que as prazas non estean ocupadas o Concello tería que abonar o 40% do seu custe.

 

 

A Residencia xa funciona na actualidade ¡sen convenio asinado!

 

A Residencia de Cesantes xa leva un par de anos funcionando como Centro de Día polo que o Concello de Redondela paga á Xunta 2.500 euros ao ano por cada usuario empadroado en Redondela en base a un convenio aprobado no Pleno de decembro de 2016 cos votos a favor do PP, co beneplácito do BNG, cos votos en contra de AER e PSOE e o abstención da concelleira non adscrita.

 

Sorprendentemente na actualidade no Centro de Cesantes hai 15 prazas de residentes ocupadas do total de 21, polo que semella que polo menos 5 das prazas das que ían estar reservadas para Redondela xa están ocupadas. Esta situación xerou importantes dúbidas durante o pleno acerca das xestións que o goberno local está realmente levando a cabo con respecto a este centro de día. En definitiva preguntámonos: como vai o consorcio a asignar estas prazas con usuarios derivados de servizos sociais se xa están actualmente ocupadas? Quen está a pagar esas prazas? En conclusión, non había convenio asinado entre a Xunta e o Concello para a financiación das prazas de residencia do Centro de Cesantes pero, en cambio, xa hai residentes ocupándoas.

 

 

Nin Regulamento nin Ordenanza municipal.

 

Pretendíase dende o goberno local aprobar un convenio desta índole sen cumprir cos requirimentos normativos previos; non existe o Regulamento que estableza o procedemento e as condicións de acceso ás prazas residenciais municipais e tampouco a Ordenanza que regule o prezo público para a prestación do servizo e a súa exacción.

 

Debe advertirse que para poñer en marcha o servizo de atención residencial respecto das prazas de titularidade do Concello, é indispensable a existencia destas normativas. Mentres que non se aproben, o Concello estará sufragando unhas prazas que non poderán ser ocupadas por veciños de Redondela. O goberno local pretendía irresponsablemente “construír a casa polo tellado”.

 

AER xa preguntou por estas normas no pleno de Xullo de 2018 e a resposta do Goberno era que estaba traballando neles. Oito meses máis tarde, os grupos da oposición non recibiron proposta algunha ao respecto.

 

 

O requisito do empadroamento, posible problema xurídico.

 

En opinión de AER, non se pode poñer o requisito do empadroamento xa que na normativa da Xunta fálase de que terán dereito as prazas nos centros de residencia veciños de "calquera" parte de Galicia. Se se inclúe o requisito de empadroamento no regulamento pode acontecer que no seu día un veciño doutro concello denuncie que non lle outorgan unha praza (por estar reservada e libre, ou porque a ocupa outra persoa que ten menos dependencia ca el) e entón podería haber resolución xudicial en contra do regulamento de Redondela.

 

Curiosamente, a inseguridade práctica pode vir polo outro lado. No caso de que se consiga desenvolver unha Ordenanza Municipal que sexa quen de recoller que un número de prazas estiveran reservadas para veciños de Redondela, o propio informe de Secretaría sinala que “...o criterio do empadroamento pode ser tamén problemático xa que se debería establecer algún tipo de “salvagarda” en canto a que por exemplo non se conten os empadroamentos feitos na mesma dirección do Centro de Día que, probablemente, teñan a súa residencia real fora do municipio pero que poderían empadroarse por razóns de tipo “práctico” se pasan a maior parte do tempo no Centro.”

 

A este respecto dende o goberno local afirmouse ata o último momento que serían prazas para empadroados, para recuar no pleno e corrixirse indicando que finalmente serían para usuarios derivados dos servizos sociais municipais.

 

 

Ver nota en pdf

 

 

Please reload

A Agrupación

A Agrupación

Información

AER no Concello

Contacto

Rúa Alfonso XII nº 2 · Baixo

            Tlfo: 647 126 712

  • Facebook Classic
instagram logo.png
Twitter_icon..png

www.aeredondela.com

facebook.com/AERedondela

twitter.com/AER_Redondela

info@aeredondela.com

647 12 67 12