I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

A AMENAZA DA AUTOVÍA A-59 VOLVE A ESCENA NA ELABORACIÓN DO PXOM DE REDONDELA

AER manifestouse sempre en contra de todas as variantes da A-59.

 

PSOE e BNG estiveron sempre a favor da variante 5 que arrasaría as parroquias do Viso, Ventosela, Reboreda, Quintela, Saxamonde e Vilar.

 

Javier Bas di que está en contra desta variante 5, pero oculta que o Partido Popular está a favor da variante 11 que afectaría a Os Valos e a Vilar.

 

A elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vén de resucitar a pantasma das autovías e das variantes que ameazan Redondela. O equipo redactor do PXOM tentou ata en dúas ocasións, no 2015 e 2016, que o Ministerio de Fomento lle mandase ao noso Concello a información da que dispuña con respecto ao trazado da autovía A-59; que comunicaría a futura A-57 (Pontevedra - Ponteareas) co aeroporto de Vigo.

 

 

Primeira solicitude do equipo redactor, feita hai case 4 anos

 

 

 

O Concello pregunta, Fomento non responde.

 

O Concello de Redondela recibiu de Fomento (en mans do PP de Rajoy) a calada por resposta durante 3 anos. O goberno español do Partido Popular faltaba ao respecto a noso Concello e poñía atrancos á elaboración do documento urbanístico máis importante de Redondela; pero nesa época Javier Bas non quería manifestarse na sede da Subdelegación do Goberno.

 

Simultaneamente, nas comisións informativas do PXOM, onde están representados todos os grupos políticos, o equipo redactor era partidario de non recoller no borrador do Plan Xeral o trazado da A-59, como medida de presión para que non se fixese. O PSOE mostrouse sempre a favor desa autovía e o BNG, que non asistiu a varias destas comisións, non se mostrou contrario á A-59.

 

 

Fomento manda reservar solo para o trazado coñecido da A-59.

 

Non foi ata finais do ano 2018 que o Ministerio de Fomento (xa en mans do PSOE)  informou ao Concello que o termo municipal de Redondela estaba afectado pola futura A-59, e que os planos do PXOM deberían recoller as reservas de solo necesarias para a construción desta autovía; pero seguía sen mandar o proxecto do trazado que debería incluír o PXOM.

O Concello de Redondela volveu pedir o trazado en novembro e decembro do 2018, recibindo contestación do Ministerio de Fomento en febreiro deste ano, na que aparece o trazado pero non informan do estado de tramitación do expediente da A-59.

 

 

ESQUEMAS DOS TRAZADOS DAS AUTOVÍAS

 

 

En vermello, esquema do trazado da A-57, autovía que uniría Barro (preto de Pontevedra) co Confurco (Ponteareas)

 

En negro, esquema do trazado da alternativa 5 da A-59.

 

En verde, esquema do trazado da alternativa 11 da A-59.

 

 

 

 

 

Un goberno de AER é o único garante de que o Concello de Redondela se posicione firmemente contra todas as variantes da A-59.

 

AER considera que non debe construírse esta autovía xa que supón un despilfarro de cartos públicos, supón unha ameaza para a Enseada de San Simón (Rede Natura 2000), unha ameaza para a pesca do fondo da ría e para os bancos marisqueiros; supón unha afección a zonas de valor arqueolóxico, causará un problema permanente de ruído nas zonas polas que pasa, dividirá as parroquias, causará un grande impacto visual e ambiental, afectará considerablemente ás traídas de augas, expropiaranse infinidade de vivendas e terreos, deteriorará o uso transporte público...

 

AER aposta por un urbanismo coidadoso co medio ambiente e por unha mobilidade sostible que fomente o transporte público. AER aposta pola reversión da AP-9 ao ámbito público, pola mellora das frecuencias dos autobuses e polo impulso dun tren de proximidade. O Concello de Redondela xa sofre o impacto de moitas infraestruturas: un aeroporto, tres estradas “nacionais”, unha autoestrada coa súa recente ampliación e dúas vías de tren. Vías de tren que por certo están infrautilizadas, xa que non existe un tren de proximidade que vertebre unha zona tan densamente poboada como é o sur da provincia de Pontevedra. Galiza é a única comunidade autónoma costeira do Estado Español que non dispón dunha rede de tren de proximidade, unha proba máis da inutilidade dos diversos gobernos de PP e PSOE para fomentar o transporte público no noso territorio.

 

 

 

PSOE e BNG negáronse a contestar sobre a A-59 nos debates electorais.

 

Nos dous debates electorais celebrados entre as candidaturas que se presentan para a Alcaldía de Redondela produciuse un feito lamentable e vergonzoso, tanto para @s xornalistas que moderaron o debate como para a veciñanza de Redondela. Nos bloques do debate sobre infraestruturas, tanto o candidato do BNG como a candidata do PSOE evitaron contestar o posicionamento dos seus partidos con respecto á autovía A-59, ocultando ao electorado o feito de se PSOE e BNG defenden a construción desta infraestrutura que pode esnaquizar moitas parroquias de Redondela. Ademais, nin PSOE nin BNG recollen nada nos seus programas electorais sobre a autovía A-59. Por outra banda, Javier Bas pronunciouse contrario á A-59 pero sen dicir que defende a “variante 11”.

 

A veciñanza non se merece unha clase política que lle oculte información e que tente manipulala.

 

 

Ver nota en pdf

 

 

Please reload

A Agrupación

A Agrupación

Información

AER no Concello

Contacto

Rúa Alfonso XII nº 2 · Baixo

            Tlfo: 647 126 712

  • Facebook Classic
instagram logo.png
Twitter_icon..png

www.aeredondela.com

facebook.com/AERedondela

twitter.com/AER_Redondela

info@aeredondela.com

647 12 67 12