I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Cronoloxía ampliada do intento de legalización do edificio sito na finca Puntela - Chapela

 

 

 

ANO 1992

 

En marzo do 92 solicitan permiso para as obras, e a primeira administración en paralizar as obras do edificio foi a Xunta de Galicia, o 31-7-92, por “danos no río Maceiras (Chapela)”. Dende o Servizo Provincial de Medio Ambiente solicitaron ao Concello que non se lle concedera licenza de obra, pois carecía de autorización previa do nomeado servizo. Días despois, en agosto, e tras informe de inspección urbanística, emítese resolución de alcaldía o 21 de agosto pola que se paralizan as obras por non dispor de licenza municipal para executalas.

 

O 25 de agosto, Rodríguez y Mosquera (a partir de agora, RyM) presentan no Concello copias das solicitudes que con anterioridade, 17 de xullo e o 21 de agosto, presentaran no Servizo Provincial de Medio Ambiente e na que acompañan plano da canalización do río Maceiras. Dende o Concello contéstaselles que teñen un expediente aberto no Servizo Provincial de Medio Ambiente, e que mentres isto non se solucione e obteñan a preceptiva licenza municipal, non poden seguir coas obras.

 

En novembro dese ano, RyM presentan no Concello o “proxecto de canalización do regato entre a estrada Nacional Pontevedra-Vigo e a Autoestrada do Atlántico, en Chapela, Redondela”. No proxecto, dentro da descrición das obras fálase de  facer unha “canalización que está formada por un canal abierto en forma de U” , non se menciona a posibilidade de cubrir o regato. O 16 de ese mesmo mes o Servizo Provincial de Medio Ambiente comunica ao Concello que visto o novo proxecto de canalización presentado por RyM, o edificio a construír quedaría fóra da zona de servidume do río, polo que non existe inconveniente para que se lle outorgue licenza, condicionando esta á realización do proxecto presentado e a manter a servidume de cinco metros prevista nas disposicións vixentes.

 

En xunta de goberno do 22 de decembro, apróbase a licenza para a construción dun edificio composto de soto, semisoto, planta baixa e dous pisos para seis vivendas.

 

 

ANO 1993

 

En marzo deste ano, a Dirección Xeral de Infraestruturas informa favorablemente sobre un escrito remitido polo Concello en relación á distancia e a zona de construción do edificio ( 33 m da arista exterior da calzada da Autoestrada Ap-9, en zona de afección).

 

No mes de novembro, RyM solicita no Concello a modificación puntual do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) de Chapela. O día 15 presenta a documentación e o 19 o Concello solicita un informe ao Ministerio de Obras públicas e Turismo (MOPT); tres días despois envíalle o proxecto. O día 23, RyM solicita ao MOPT permiso para executar as obras. Ese mesmo día, dende o Concello solicítaselles que remitan as escrituras da propiedade e que presenten unha nova instancia xa que a anterior (15-11-93) non é conforme teñen quince días de prazo. Entre tanto suspéndese a tramitación da Modificación Puntual do PERI.

 

O 7 de decembro, o MOPT responde ao Concello dicindo que o aceso ao edificio non se poderá construír dende a N-552, senón dende os viais establecidos no PERI de Chapela. Tamén comunican que se lle trasladou a AUDASA a documentación para que emita informe. O día 13, RyM presenta a documentación requirida polo Concello.

 

 

ANO 1994

           

A mediados de xaneiro, Inspección Urbanística do Concello denuncia obras ilegais no edificio (terceira e cuarta planta). Dende Alcaldía, dáse traslado a Urbanismo da citada denuncia (por aquel entón, o inspector de obras estaba asignado á Policía Local), e solicítalle que emita informe sobre se dispoñen de licenza e se as obras son conformes coa lexislación urbanística actual. O día 21, a Arquitecta municipal informa de que a documentación aportada por RyM cumpre os requisitos e pode tramitarse a modificación parcial.

 

O 1 de febreiro a Policía Local volve a denunciar que os días 28, 29, e 31 de xaneiro continuaban traballando nas obras, e dende Alcaldía remítenlle a denuncia novamente a Urbanismo para que emita o informe para poder resolve-lo expediente aberto. O día 16 o Concello firma con RyM o convenio para a modificación parcial do PERI de Chapela. A cambio dun baixo comercial de 100 m2 pendente de construír por RyM, o Concello permitirá o aumento da edificabilidade no edificio da Avda. de Redondela. Para iso, os construtores comprométense a mercar unha finca no barrio de Laredo e construír alí un edificio do que cederían o baixo; mentres non se constrúa depositarán un aval de 20.000.000 de pesetas nun banco. Unha semana despois, lévase este convenio á comisión informativa de Urbanismo e esta propón, cos votos en contra de Rebanal (PP) e Lemos (Grupo Mixto), a aprobación inicial da devandita modificación. Dáselle traslado ao pleno, xa que é quen ten competencia para decidir.

 

O 28 de febreiro, o aparellador municipal emite informe   sobre as obras e decreta a paralización inmediata das mesmas en base ao exceso de volume construído.

 

 

Ese mesmo día, por decreto de Alcaldía ditase a paralización das obras e a apertura de expediente. O mesmo día 28, no pleno ordinario lévase como punto da orde do día a modificación do PERI proposta por RyM. A proposta queda sobre a mesa.

 

Durante os meses de marzo e abril, tanto a Asociación de Veciños “Los Ángeles” como a Asociación de Veciños de Chapela interésanse polas obras, preguntan pola licencia, canle do río, edificabilidade... O Concello dálles resposta ás diferentes cuestións. Nunha das cartas enviadas ao Concello, a Asociación de Veciños “Los Ángeles” indica que entre os días 11 e 17 do mes de abril seguían traballando na obra. RyM presenta máis documentación en relación á modificación do PERI e a Arquitecta Municipal indica que cumpre os requisitos para ser tramitada.

 

O 28 de marzo solicítase dende o Concello, á Comisión Provincial de Asesoramento Municipal, asesoramento sobre a viabilidade xurídica da modificación do PERI, toda vez que as obras están paralizadas por unha infracción urbanística. A petición asínaa “Francisco Puch Casal” como alcalde accidental. A mediados de abril, reciben resposta dicindo que “las modificaciones son independientes de las infracciones ya que llevan un procedimiento distinto e independiente, por consiguiente si posteriormente una vez modificadas las Normas, alguna infracción resulta no ser tal, estas quedarán legalizadas”.

 

O 3 de maio, o Secretario do Concello emite informe moi esclarecedor do acontecido e das “posibles” intencións do Concello. Finalmente, indica que a obra debe seguir paralizada mentres non se aprobe a modificación definitivamente e o promotor solicite unha nova edificación. O 23 de maio por resolución de alcaldía iníciase o procedemento sancionador contra RyM  e contra o arquitecto Francisco Estévez Cerdeira.

 

A mediados do mes de xuño, RyM presentan as súas alegacións nas que veñen a dicir que “se declare la inexistencia de infracción urbanística, dado que las obras realizadas se debieron a la necesidad de preservar las obras ajustadas a la licenza a los efectos de que no sufrieran daños irreparables (segundo eles, fixeron un semisoto máis e dúas plantas máis de altura para que o que se axustaba a licencia solicitada non sufrise danos) y asimismo en función del convenio otorgado” (o convenio firmouse o 16 de febreiro, pero as denuncias de infracción urbanística constan dende o 13 de xaneiro e as modificacións aínda non se aprobaron). O 21 de xuño “ de conformidade co peticionado polos alegantes” (RyM), un concelleiro do PSOE suspende a tramitación do presente expediente sancionador.

 

Dende a AAVV de  Chapela volven solicitar información, neste caso sobre o feito de que se cubriu o río e que se ese espazo vai ser público, como o era o río, ou privado. Tamén preguntan se as obras dispoñen de permisos do MOPT. O 29 de xuño, o secretario municipal emite informe xa que RyM o día 21 de xuño presentaran unha nova memoria do PERI. Modifican a parte referida ás transferencias de aproveitamento que o Secretario criticara no seu anterior informe do 3 de maio. Este indica que con esas modificacións pódese continuar a tramitación da modificación do PERI, pero que a instrución do expediente pola infracción urbanística debe de continuar. Dentro desta informe indícase que a adopcións de acordos, a este respecto, serán necesarios os votos da maioría absoluta do pleno.

 

O 27 de xullo a comisión informativa de Urbanismo ditamina, cos votos en contra de Lemos (grupo mixto), Rebanal e Vilarchán (PP), propoñer ao pleno a aprobación inicial da modificación do PERI de Chapela.

 

O 20 de setembro, dende a AAVV de Chapela solicítase que con modificacións puntuais se corrixan as desigualdades de construción provocadas polo PERI de Chapela e que todos os veciños que desexen se poidan adherir a modificacións parciais facendo as cesións pertinentes. O 28 dese mes, o aparellador informa que se reafirma no indicado anteriormente o 28 de febreiro no que se di que a superficie construída supera o dobre a autorizada na licencia municipal.

 

Á semana seguinte emite informe no que estima que o valor do construído sería de uns 40.000.000 de pesetas, correspondendo a metade ao exceso de construción; indica tamén o carácter “ilegalizable” das infraccións por ter incumprido o PERI de Chapela. O día seguinte é o secretario o que emite o seu informe.

 

O 7 de outubro comunícaselle a RyM o expediente por infracción urbanística e o prazo para alegar. O día 26 presentan as súas alegación baseadas en que o aparellador non fundamentou no seu informe en que se baseaba para outorgarlle a edificación o valor asignado. Tamén argumentaban que se debe de distinguir “en este momento entre el exceso de superficie real que puede existir y el exceso de superficie que podría llegar a existir en el caso de continuación de las obras”. Solicitan o arquivo do expediente ou a subsanación dos defectos. O 17 de novembro dítase resolución de alcaldía decretando a suspensión da tramitación da modificación puntual do PERI de Chapela.

 

O 7 de decembro, RyM presentan alegacións nun escrito do seu avogado, indicando que non cabe a suspensión da tramitación. O día 14 de decembro, o aparellador municipal volve emitir informe. Nesta ocasión con medicións e valoracións económicas e aportando planos. Conclúe que só os baixos son legalizables se se adecúan ao PERI, en canto ás plantas, son ilegalizables. Indica que deberá abrirse expediente por infracción urbanística, xa que a rampla de acceso aos garaxes non dispón de licencia municipal. Tamén fai mención que a diferencia entre a superficie de construción permitida pola licencia, 1.319,4 m2 ,e a superficie real construída, 3.430,5 m2, é de 2,111,1 m2.

 

 

ANO 1995

 

O 5 de Xaneiro, dende RyM envían escrito ao Concello alegando novamente contra a valoración económica das obras realizadas que fai o aparellador. Ao mesmo tempo, falan de que os técnicos municipais realizaron unha nova inspección de cuxo resultado non teñen coñecemento. Alegan novamente que as obras realizadas a máis fixéronse ante a expectativa creada polo convenio subscrito. Que as obras son legalizables e que no relativo aos sotos, ao ser baixo rasante non supón un aumento de superficie sobre rasante polo tanto tamén son legalizables. Tamén falan de que dende Audasa se procedeu á reversión de fincas expropiadas, polo que o que inicialmente era unha finca de 1.200 m2 pasou a ser unha superficie de 1668 m2 e conclúen: “Siendo sensiblemente la edificabilidad ejecutada en la obra, al día de la fecha, la correspondiente al aprovechamiento de esta superficie”.

 

O 16 de xaneiro, o secretario do Concello emite informe. Di que dende Alcaldía debe ditarse resolución de forma que as obras se axusten á licencia concedida, pero que non só debe entenderse a demolición como única vía. Posto que parte da obra cumpre coa legalidade, indica que se conxugue a demolición da parte ilegal coa solicitude dunha nova licenza que legalice o resto da obra. Tamén indica que para coñecer que parte é legal debe emitirse informe técnico que o indique e terase en conta o feito de que a superficie onde se atopa a obra aumentou.

 

O 2 de maio, dende Alcaldía infórmase de que para continuar coa legalización das obras sería preciso contemplalas na redacción do Plan Xeral que se está a redactar .

 

En xullo de ese mesmo ano, Erundina López Castro denuncia que unha vez que Audasa lle devolveu unha finca expropiada con anterioridade, agora atópase con que esas obras ilegais tamén incumpren os espazos de retranqueo, xa que están feitas sen respectar as distancias establecidas pola lei. O 23 de novembro dende o servizo de inspección urbanística indícase que se continúa traballando na obra.

 

 

ANO 1996

 

O 15 de xullo solicítase, por parte do PP, de Lemos (Redondeláns Independentes) e de Puch, a convocatoria dun pleno extraordinario. O día 22 o Alcalde solicita informes ao Aparellador e á Arquitecta Municipal. Estes emiten informe o día 1 de agosto e indican que “a ocupación prevista na Modificación axústase en: planta semisoto e segundo soto exclusivamente”. O resto do edificio incumpre, xa sexa pola distancia á autopista no primeiro soto, ou por sobrepasar este mesmo a aliñación do propio edificio. En canto ás plantas construídas, incumpren en canto non está previsto na modificación o voo sobre a canle cuberta do río. Por todo isto, conclúen que as obras non se axustan ás modificacións propostas na documentación. O día 6 é o Secretario o que emite informe (dicir que este secretario é novo, non firmara ningún dos anteriores informes). Basea o seu informe en que a documentación que atopa nos expedientes é correcta, e dada a complexidade do tema, somete o seu criterio a que a corporación solicite un informe dun asesor urbanístico especialista neste tema. Advirte da obriga que ten o Concello de resolver os expedientes abertos. Ese mesmo día, dende alcaldía solicítanselle aclaracións ao seu informe.

 

O día sete Erundina López presenta escrito denunciando novamente as distancias ás que se atopa construído o edificio. Presenta copia da acta de reversión, onde se fan constar as distancias que se deben respectar.

 

O nove de agosto, día no que se vai celebrar o pleno extraordinario solicitado dende o PP con Lemos e Puch, o Secretario volve emitir informe respondendo á solicitude de aclaracións que se lle fixo dende Alcaldía, e volve chamar á atención sobre o feito de que non se resolvera o expediente de infracción urbanística. Tamén chama á atención sobre o feito de que coñeceu a existencia destes expedientes como consecuencia do pleno extraordinario, e que non tivo intervención ningunha na súa tramitación.

O pleno da moción de censura foi o 27-8-1996.

 

 

ANO 1997

 

No mes de maio, Jesús Alonso Taboada (Arquitecto) solicita aceso ao expediente 124/92 ao obxecto de “ valoración del inmueble ejecutado dentro de los límites de su licencia”. Tamén no mes de maio, José Ángel Ballesteros Mosquera, unha das partes de Rodríguez y Mosquera, vende a súa parte da obra a EXCONSA S.L. No mes de setembro José Rodríguez Martínez fai o mesmo coa súa parte pero vendéndolla a José Costa Díaz.

 

O 30 de outubro EXCONSA S.L., nova propietaria da obra, solicita que se remita a pleno a modificación parcial do PERI de Chapela. Xa en novembro, José Rodríguez Martínez, un dos socios de RyM, solicita acceso ao expediente. O día 24 dende o Concello se solicítase a EXCONSA S.L. que acredite a súa representación. Así o fai o 17 de decembro, presentando escritura de constitución da empresa e escritura da compravenda da parte de José Rodríguez a José Costa Díaz. Dicir desta escritura que nela se fai constar no punto terceiro da cuarta das disposicións que “la estructura del edificio ya ha sido realizada conforme al proyecto y licencia, sin haber incurrido en ningún caso en infracción urbanística y con la conformidad de la dirección técnica”. Solicita EXCONSA que se remita á Consellería de Obras Públicas, Delegación Provincial, o expediente da modificación puntual a fin de que emita informe.

 

O 30 de decembro, Faustino Mena Mur asina un informe, como arquitecto asesor municipal, no que relata a documentación do expediente e indica os pasos a seguir “de acuerdo con el informe del secretario, de fecha 6-8-96” para continuar coa tramitación da modificación parcial: remitir o expediente á “Comisión Superior de Urbanismo de Galicia para que informe, por modificación de zonas verdes y espacios libres e inmediatamente antes de la aprobación inicial, remitir el expediente completo al Conselleiro de Política territorial,  Obras Públicas y Vivienda para que informe en el plazo de un mes”.

 

 

ANO 1999

 

Comeza este ano cunha resolución de alcaldía na que se levanta a suspensión da tramitación da modificación parcial do PERI de Chapela e se remite o expediente ao Delegado Provincial da Consellería de Política Territorial para que emita informe. Este informe chega ao Concello un mes despois, o 19 de febreiro, e é bastante claro. Despois de desmontar varios puntos do expediente conclúe no punto h) “A finalidade da Modificación plantexada semella máis a unha reserva de dispensación proscrita polo artigo 56.2 da Lei 1/97, do Solo de Galicia, que a unha actuación de interese público, pois o obxecto da referida Modificación conleva implicitamente a legalización dunha construción existente con infracción urbanística”.

 

No mes de marzo, EXCONSA solicita que se emita certificación onde se faga constar que non se resolveu o fin do expediente. A principios de abril, respóndelle que non consta que se ditara acto administrativo ou resolución pondo fin ao citado expediente. O 21 e 26 de abril, Alcaldía solicita informes ao aparellador e ao secretario municipal onde se indique se cabe “a declaración de caducidade dos expedientes referidos e de prescrición da infracción” . O 28 de abril informa o aparellador, Lamas, e reafirma todo o informado con anterioridade concluíndo que “se trata dunha infracción grave pois incumpre as normas relativas de aproveitamento urbanístico, altura, volume e ocupación”. Por parte do Secretario, menciona a intención de EXCONSA de confundir a caducidade dos procedementos coa prescrición. As infraccións urbanísticas prescriben aos catro anos de finalizar a obra, pero a obra referida está sen rematar. En canto aos expedientes, dá por caducado o procedemento sancionador “debendo a administración iniciar un novo procedemento”.

 

O 21 de maio, o Alcalde solicita da Comisión Provincial de Asesoramento Municipal da Deputación, o mesmo órgano ao que recorrera Puch cinco anos antes, que se lles informe sobre a posible prescrición das infraccións urbanísticas. Reciben resposta o 8 de xuño, e conclúen que como no expediente non houbo actuación algunha por parte do Concello (dende que se iniciou o 23 de maio do 1994 ata a emisión dos informes por parte dos técnicos municipais do 28 de abril); que como non se resolveu o expediente tal e como certifica o secretario o 5 de abril; e como ademais entenden que dende que se paralizaron as obras en febreiro do 1994 ata a seguinte visita do aparellador transcorreron catro anos sen que o Concello fixera nada... polo que dá por prescrita a infracción.

 

O 21 de ese mesmo mes, Domingo López, en nome de EXCONSA, remite escrito ao Concello donde solicita se subsanen as deficiencias técnicas que se contemplaban no informe da Consellería emitido en febreiro, e unha vez subsanadas, se remita o expediente á Delegación Provincial de Obras Públicas para que emita informe. Do mesmo modo, o 2 de xullo presenta alegacións ao informe de febreiro da Consellería de Política Territorial. Dentro de estas alegacións, indican que en referencia á advertencia h) do anterior informe “la modificación planteada no implica la legalización de una infracción urbanística por cuanto, con independencia de no existir resolución alguna que así lo establezca, ha de entenderse inexorablemente que cualquier presunta infracción urbanística ha prescrito”. O 2 de xullo, dende o Concello volve remitirse o expediente a Xunta. Aquí aínda aparece a firma do alcalde do PP Amado Ricón, días antes de cambiar o goberno.

 

A contestación da Xunta prodúcese o 4 de agosto, indicando que se debe de xuntar toda a documentación nun proxecto técnico onde se xustifique o cumprimento das observacións feitas no informe do mes de febreiro, e onde se clarexe o contido e alcance da proposta definitiva que pretende someterse a informe da Consellería. Volve facer mención a advertencia h) do anterior informe que indica que o Concello ten que valorar a finalidade da modificación puntual debendo resolver en todo caso os posibles expedientes de disciplina urbanística. Non pode condicionar ou suspender a tramitación destes expedientes á modificación do planeamento como vía para posibles legalizacións de construcións, xa que isto suporía a conculcación da norma. E finaliza dicindo que “emite informe sobre o Proxecto de MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PERI DE CHAPELA, CON DETERMINACIÓNS DE ESTUDIO DE DETALLE, do concello de Redondela".

 

O 16 de setembro e xa coa nova corporación municipal, remíteselle escrito a EXCONSA indicando que examinado o informe remitido pola Consellería dedúcese a existencia de deficiencias que deberán ser subsanadas antes de continuar a tramitación do expediente. Danlle un prazo de quince días e suspenden a tramitación da modificación; pasados tres meses dende a paralización do expediente por causas imputables ao solicitante producirase a caducidade do mesmo con arquivo das actuacións practicadas.

 

 

ANOS POSTERIORES

 

Dos anos 2000 (novembro) e 2002 (xuño) aparecen dous informes (que non axuntamos por baixa resolución) do aparellador, a instancias do concelleiro de Urbanismo, Emilio González, ante a posibilidade de subscribir un convenio urbanístico (Doc 18) cos propietarios da obra para conseguir a legalización da obra a través da incorporación do convenio o PXOM próximo a elaborar. Indícase nos informes, tanto informe do arquitecto coma no informe da secretaria que terían que demoler só unha parte do primeiro soto e abrir un expediente de posible legalización urbanística pola rampla enriba do río. Sobre as multas en base ás obras realizadas infrinxindo o PERI de Chapela, estarían entre os cinco e os dez millóns de pesetas (entre 30.000 € e 60.000 €). O citado convenio asinouse no 2003 despois do voto favorable de PSOE, BNG e PP na pertinente comisión de Urbanismo (Doc 21) , aínda que non chegou a levarse para a súa aprobación no pleno.

 

 

A modo de demostrar que as intencións do Concello eran legalizar as obras no PXOM, axuntamos contestación do alcalde accidental en setembro do ano 2010, Carlos Pazos Docampo(BNG); na que textualmente, nun dos seus parágrafos di: “En calquera caso, compre suliñar que é intención do Concello proceder á súa aprobación conxuntamente co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que se está a tramitar e a tal efecto remitiuse unha copia de mesmo ao equipo redactor o 03.10.2003. Nembargantes, dita aprobación se atopa aínda pendente pola continua entrada en vigor de novas determinacións legais aplicables ao PXOM.”

 

Pola contra a acta do pleno de agosto de 1996 recollía as palabras do Sr. Pazos Docampo que textualmente dicía:  “Na súa intervención o citado Sr. Concelleiro sinala que lexitima-la obra de referencia e a súa posible legalización levaría á legalización de esa e outras obras ilegais, afirmando que despois de cometerse infraccións urbanísticas non vai a acepta-la legalización de ningunha obra, nin por suposto da que se trae hoxe a esta sesión parlamentaria”.  Palabras que se contradín coa contestación mencionada anteriormente.

 

 

Please reload

A Agrupación

A Agrupación

Información

AER no Concello

Contacto

Rúa Alfonso XII nº 2 · Baixo

            Tlfo: 647 126 712

  • Facebook Classic
instagram logo.png
Twitter_icon..png

www.aeredondela.com

facebook.com/AERedondela

twitter.com/AER_Redondela

info@aeredondela.com

647 12 67 12